miércoles, 21 de abril de 2010

Jökulhlaup

Neste incrible video podedes ver a riada ("flash flood") causada pola erupción subglaciaria no Eyjafjallajökull o pasado 14 de abril. Este tipo de riadas poden ter nalgúns momentos caudais superiores aos do Amazonas.


domingo, 18 de abril de 2010

Erupción en Islandia II


Este mapa foi obtido da web do Instituto Islandés de Meteoroloxía. Nela aparece a localización do volcán Eyjafjöll .Os puntos azuis son focos de terremotos de baixa magnitude, relacionados coa erupción.Como vedes, Eyjafjöll está baixo un pequeno casquete glaciar, o Eijaffjallajökull.
Os Islandeses están contentos porque esta erupción pode dar ao país un empurrón para saír da súa fonda crise económica; de feito xa está atraendo a numerosos turistas nacionais e estranxeiros ávidos deste espectáculo da natureza. Ainda así, segundo os xeofísicos da Oficina Islandesa de Meteoroloxía, semella que a erupción xa está a rematar. ...Pero coidado, os científicos, baseándose en datos históricos, din que días ou meses despós da erupción de Eyjafjöll o veciño volcán Katla tamén desperta . Katla- un volcán moito máis grande localizado debaixo do glaciar Myrdalsjökull- está considerado un dos máis perigosos de Islandia e a súa erupción podería causar temibles jökulhlaup, inundacións catastróficas que afectarían a unha área moi ampla do país.


viernes, 16 de abril de 2010

Erupción en Islandia


O pasado 20 de marzo, entrou en erupción un volcán situado baixo o glaciar Eyjafjallajokull , no sur de Islandia, obrigando a evacuar a varios centos de persoas que vivían en granxas cercanas, e a declarar o extado de emerxencia en todo o país. O maior perigo destas erupcións subglaciares son as "Jökullhaup" , un fenómeno segundo o cal a lava a alta temperatura provoca a fusión do xeo , xenerando inundacións . Estas correntes de auga, bloques de xeo e fragmentos de lava solidificada baixan rápidamente a favor da pendente, destruindo estradas e pontes. Cando chegan ás zonas periféricas espallan os seus detritos formando os "sandur".
O volcán que agora entrou en actividade non o facía dende 1823 . O Eyjafjöll é un estratovolcán de basalto e andesita cunha caldeira de 2,5 km de diámetro, localizado moi perto do volcán Katla, na rexión máis activa de Islandia.
Nestes momentos a erupción parece que entrou nunha fase máis violenta, formando unha enorme columna eruptiva de gases e finas partículas de vidro volcánico que os ventos están a empurrar cara a Europa continental . Pola súa altitude, semella que a nube non vai producir efectos negativos na saúde, pero sí que está a causar a interrupción do tráfico aéreo, e o conseguinte caos de viaxeiros "abandoados" nos principais aeroportos europeos.
Non sabemos cando vai acabar a erupción, pero de prolongarse, podería ter efectos no clima. Cales poden ser os efectos climáticos das erupcións volcánicas? Son efectos locais ou poden ser globais? Preme aquí para averigualo.

miércoles, 7 de abril de 2010

Criaturas extraordinarias


Remarkable creatures (criaturas extraordinarias) é o novo libro de Tracy Chevalier, que acaba de publicarse en castelán co título Las huellas de la vida. Mesturando realidade e ficción, a autora conta a historia da amizade entre Elizabeth Philpot e Mary Anning, dúas mulleres de principios do século XIX unidas pola súa común afección aos fósiles. Xuntas percorrían as praias e acantilados calcarios da localidade de Lyme Regis, no sur de Inglaterra, recollendo amonitas, belemnitas, crinoideas e ata algún que outro esqueleto de plesiosauro, entre outros testigos da fauna mesozoica. As criaturas extraordinarias non son tanto os fósiles como as dúas protagonistas, que tiveron o valor de enfrentarse aos moitos prexuizos da época, como as crenzas relixiosas o papel das mulleres na sociedade ou as relacións entre persoas pertencentes a clases sociais diferentes.
O relato resulta moi ameno e , na miña opinión, moi ben documentado dende o punto de vista da historia da ciencia, especialmente no que se refire ás diferentes interpretacións sobre a natureza dos fósiles. Unha lectura moi recomendábel.